A AGRUPACIÓN

Debullando folclore dende 1955
A Agrupación Folklórica Aturuxo fúndase na Coruña o 20 de marzo de 1955 para cultivar e espallar o folclore galego en todas as súas manifestacións artístico-musicais, mais tamén co obxecto de espandir a súa laboura a outros eidos da cultura como o teatro e as escenificacións de costumes populares.
Así, nos anos 60 represéntanse: Roseira de costumes, A morte do gaiteiro, Lendas e costumes e Noitegas. Coa interpretación desas obras danse os primeiros pasos para a creación dun “ballet” galego, que logo naceu con xente saída a Agrupación.
Nos anos 60 e 70 dáse unha maior relevancia ao baile e ao canto populares, baixo a dirección artística de Antón Naveira e as batutas dos mestres Anta, Cástor Cartelle e Suárez Pedreira.
Logo, baixo a dirección de Manolo Cajaraville, sen esquecer as estampas populares (móntanse Noite de meigallo e esconxuro e Romaría galega), hai máis dedicación á recolleita de danzas, algunhas esquecidas, como o maneo e o fandango.
É nese tempo cando se incorporan á Agrupación as pandereteiras coñecidas como “as velliñas de Mens”, de gran sona en Galicia. Acádanse nesta época varios premios en diversos certames, tanto en actuación conxunta como en parellas.
Nos anos 80 créase unha escola de baile para nenas e nenos. Despois do retiro de Manolo Cajaraville continúa o traballo de información e de divulgación da tradición galega.
En 1991 créase un grupo de cantareiras integrado por mozas da Agrupación, recollendo dese xeito a testemuña das pandereteiras de Mens.
Ao longo destes anos foron moitas as persoas, que loitaron polo folclore e cultura da nosa terra, engrandecendo o nome de Aturuxo que, dende o seu nacemento, vén actuado en toda Galicia, boa parte de España, Portugal, Francia, Andorra e Arxentina.
Aturuxo é un dos fundadores da Federación Galega de Grupos de Danza.

E por moitos anos!
Queremos seguir investigando, conservando, espallando e gozando das nosas tradicións e da nosa cultura.
Ti tamén podes formar parte, ven!